Intervención terapéutica

Intervención terapéutica

O noso tratamento é Multidisciplinar e intégrano cinco áreas terapéuticas.

Atención psicolóxica

A través deste servizo preténdese evitar a cronificación da enfermidade e iniciar a recuperación física e mental do paciente. Esta recuperación é un proceso que interesa iniciar canto antes, coa responsabilidade conxunta dos profesionais, paciente e a familia.

Inclúe terapia individual, terapia grupal, talleres psicoeducativos, asesoramento familiar e grupos de familia.

Atención psiquiátrica

Realizarase unha avaliación detallada do cadro clínico abordando os diversos aspectos do trastorno (estado físico, psicopatolóxico, nutricional e situación socio-familiar principalmente), así como as probas médicas que resulten pertinentes (analítica de sangue, electrocardiograma...).


Reeducación alimentaria

A distorsión que o trastorno da alimentación produce nos e nas pacientes trae consigo un escaso control da inxestión e fai necesario traballar na interiorización dos hábitos alimentarios adecuados para erradicar condutas nocivas en relación coa comida.

Con esta finalidade brindamos talleres nutricionais individualizados a cada paciente. Adquiren as destrezas necesarias para o manexo axeitado dos alimentos e a elaboración de diferentes menús saudables favorecendo así a súa autonomía persoal.

Educación social


A educación social é unha disciplina pedagóxica que posibilita diversas liñas de intervención dentro do ámbito da saúde mental facilitando neste contexto, un espazo de encontro, lúdico, distendido e de confianza onde poder fomentar e mellorar a interacción grupal e reforzar a autonomía e autoestima das e dos pacientes, potenciando así as súas capacidades e habilidades.

 

O principal obxectivo do programa ocupacional é o de acompañar e escoitar ó paciente, desenvolvendo diversas propostas e actividades cuxo fin sexa educar e sensibilizar en termos de diversidade, empatía e autoestima.

 

Recuperación física funcional 

A metodoloxía e obxectivos a alcanzar neste programa se establecen dentro do potencial que presenta la Educación Física para as persoas. A aplicación de movemento de forma pautada, regulada e cun obxectivo específico está caracterizada tanto por poder desenvolver á persoa de forma individual, así como por mellorar o seu rol e evolución dentro dun grupo.

Polo tanto, a base deste programa é facer uso da infinidade de movementos posibles para axudar a alcanzar a mellora da persoa.